Daniel Elena
(2005) | |||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 26 de outubro de 1972 (52 anos) Mónaco | ||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||
Ocupación | copiloto (–2021), piloto de automobilismo | ||||||||||||||||
Deporte | rally rally raid (en) | ||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Premios | |||||||||||||||||
Daniel Elena, nado en Mónaco o 26 de outubro de 1972, é un copiloto de rally monegasco, de orixe galega. É o copiloto máis laureado da historia do Campionato do Mundo, con nove títulos e 79 vitorias, todas elas logradas xunto ao piloto francés Sébastien Loeb. Destacan entre outras as súas actuacións no Rally Cataluña e no Rally de Alemaña, conquistando nove veces cada un deles, no Rally da Arxentina, que gañou en oito ocasións, ou no Rally de Montecarlo, onde sumou sete vitorias.
Foi ademais campión de Francia e disputou cinco veces xunto a Loeb o Rally Dakar, sumando 14 vitorias de etapa e subindo ao podio final nas edicións de 2017 e 2019.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]É fillo de Amelia Rivera, unha emigrante galega das Somozas, que se instalou en Mónaco na súa xuventude.[1]
Comezou nos rallys en 1992, como copiloto de Christophe Bovini no campionato francés, pero a súa primeira tempada completa realizouna en 1996, xunto a Hervé Bernard. En 1998 converteuse no copiloto de Sébastien Loeb, co que correu durante practicamente toda a súa carreira deportiva. Ese mesmo ano disputou o Trofeo Citroën do campionato francés a bordo dun Citroën Saxo, gañando as tres probas que rematou, e ao ano seguinte conquistou o título. Debutou no Campionato do Mundo no Rally Cataluña de 1999, aínda que sen poder completalo por mor dun accidente, e ao ano seguinte gañou o campionato francés de dúas rodas motrices.
No 2001 fíxose co campionato francés, enriba dun Xsara preparado por Piedrafita Sport, e gañou tamén o Campionato de Super 1600 da FIA, neste caso a bordo dun Saxo 1600. Ese mesmo ano correu por primeira vez co equipo oficial de Citroën no Campionato do Mundo, disputando cun Xsara o Rally de San Remo, e conseguindo subir ao podio na segunda posición, só por detrás do Peugeot 206 dos irmáns Gilles e Hervé Panizzi.
En 2002 correu varios rallys máis do campionato mundial co equipo Citroën, logrando a súa primeira vitoria, no Rally de Alemaña, e en 2003 pasou a ser copiloto oficial do equipo a tempo completo, gañando tres rallys, incluído o da súa casa, o Rally de Montecarlo, e rematando subcampión por detrás de Mills Phil e por diante de Marc Martí.
No 2004 conseguiu seis vitorias, proclamándose por primeira vez campión do mundo. Nos seguintes anos o dominio de Loeb e Elena no campionato do mundo foi case total, acadando os nove títulos consecutivos, e chegando a gañar ata 11 rallys nunha mesma tempada. No 2006 igualou e superou ao coruñés Luís Moya como o copiloto con máis vitorias no campionato (26), e durante as seguintes tempadas elevou a cifra ata 79.
Tanto el como Loeb deixaron o Campionato do Mundo en 2013, disputando durante os seguintes anos só algunha proba de xeito ocasional. En 2018, a bordo dun Citroën C3, lograron unha nova vitoria no Rally Cataluña, por diante dos vixentes campións do mundo, Sébastien Ogier e Julien Ingrassia. O equipo oficial de Hyundai ofreceulles entón un contrato de dous anos para disputar varias probas nas tempadas 2019 e 2020, e lograron subir ao podio dúas veces máis, no Rally de Chile de 2019 e no Rally de Turquía de 2020.
Entre 2016 e 2019 competiu xunto a Loeb no Rally Dakar, cun Peugeot 3008 modificado. Na edición de 2017 lograron cinco vitorias de etapa e remataron subcampións, por detrás de Stéphane Peterhansel e Jean-Paul Cottret. Volveu ao Dakar en 2021, a bordo dun vehículo de Prodrive,[2] pero tras numerosos problemas o equipo tivo que abandonar a proba. O mal rendemento no Dakar, fixo que Loeb despedise a Elena, separándose a parella despois de 23 anos xuntos.[3][4]
Ademais da súa labor como copiloto, fixo algunhas incursións como piloto, entre elas no Rally de Montecarlo de 1998, que correu cun Peugeot 106 Rallye.
Resultados
[editar | editar a fonte]Campionato do Mundo
[editar | editar a fonte]Participacións no Rally Dakar
[editar | editar a fonte]Ano | Equipo | Piloto | Vehículo | Posto | Vitorias |
---|---|---|---|---|---|
2016 | Team Peugeot | Sébastien Loeb | Peugeot 3008 DKR | 9º | 4 |
2017 | Team Peugeot | Peugeot 3008 DKR | 2º | 5 | |
2018 | Team Peugeot | Peugeot 3008 DKR | Ret | 1 | |
2019 | PH Sport | Peugeot 3008 DKR | 3º | 4 | |
2021 | Bahrain Raid Extreme | Prodrive BRX Hunter | Ret | 0 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Alonso, P. (3 de novembro de 2008). "Diez años junto a su copiloto de origen ferrolano". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 16 de xullo de 2021.
- ↑ "Dakar 2021 is less than a month away and Prodrive has officially revealed its BRX Hunter which runs a Ford engine and was designed by Ian Callum." (en castelán). 12 de decembro de 2021. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2021. Consultado o 16 de xullo de 2021.
- ↑ "Loeb da la cara y explica, al detalle, el despido de Daniel Elena" (en castelán). 30 de marzo de 2021. Consultado o 16 de xullo de 2021.
- ↑ "Sébastien Loeb et son copilote Daniel Elena se séparent". L'Équipe (en francés). 12 de abril de 2021. Consultado o 16 de xullo de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Daniel Elena |
- Datos do copiloto en juwra.com (en inglés).
- Datos do copiloto en ewrc-results.com (en inglés).